Quen somos

SOMOS PANDEIRETEIRAS é un proxecto de pensamento, articulación social e cultural promovido pola investigadora, pandeireteira e compositora Mercedes Peón.

A iniciativa conta coa colaboración de tres grupos de pandeireteiras sen ánimo de lucro da provincia da Coruña: Raigañas de Cerqueda (Malpica de Bergantiños), Xirifeiras (Fene) e a Asociación Cultural Rosalía de Castro (Padrón). Todas xuntas conformamos un grupo de traballo que, desde o verán de 2021, reflexiona sobre outras formas de vivir a música desde a sororidade e coa firme convicción de crear o noso propio relato da existencia como tocadoras.

Obxectivos

01.

Impulsar a lexitimación da representación social das pandeireteiras como centro da transmisión cultural no eido musical tradicional contemporáneo.

02.

Favorecer a cohesión social e territorial.

03.

Loitar contra as desigualdades.

04.

Difundir o valor do noso patrimonio inmaterial a través da visualización, conexión e articulación das pandeireteiras e tocadoras da provincia da Coruña

Apoios

SOMOS PANDEIRETEIRAS conta co apoio da Deputación da Coruña, que considera a iniciativa coma un proxecto singular de especial interese para a provincia da Coruña; e coa colaboración do Concello de Carballo como cabeceira de Bergantiños, territorio que acollerá a primeira xornada pública de encontro.